• A debilidade asociada ao envellecemento afecta xa a máis do 17 % das persoas maiores de 65 anos en Europa, e ata o 52 % en persoas que viven en institucións residenciais.
• A doutora Laffon destacou que a idade cronolóxica non é suficiente para avaliar a saúde dunha persoa. A fraxilidade é un mellor indicador de riscos como hospitalización ou mortalidade e debe ser considerada na atención xerontolóxica.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2025.– A doutora Blanca Laffon Lage incorporouse este xoves como Académica de Número á Real Academia de Farmacia de Galicia, nun acto celebrado na sede da institución e presidido polo doutor Ángel Concheiro. No seu discurso de ingreso, a nova académica puxo o foco nun dos desafíos sanitarios máis urxentes do século XXI: o envellecemento patolóxico e, en particular, a síndrome de fraxilidade.

A doutora Laffon, catedrática de Psicoloxía Biolóxica da Universidade da Coruña, explicou como o aumento sostido da esperanza de vida non vai necesariamente acompañado dun envellecemento saudable. No seu discurso, titulado “Envellecemento fisiolóxico ou patolóxico? A síndrome de fraxilidade”, expuxo os fundamentos clínicos, biolóxicos e sociais da fraxilidade como un estado de vulnerabilidade crecente que afecta xa a máis do 17 % das persoas maiores de 65 anos en Europa, e ata ao 52 % das persoas institucionalizadas.

“A fraxilidade non é unha consecuencia inevitable da idade, senón un proceso dinámico, multifactorial e potencialmente reversible se se detecta a tempo”, afirmou a investigadora.

O envellecemento patolóxico refírese ao proceso no que a persoa non só presenta o desgaste natural propio da idade (envellecemento fisiolóxico), senón que ademais desenvolve enfermidades ou condicións que aceleran o seu deterioro físico, funcional e mental. Este tipo de envellecemento caracterízase pola aparición de trastornos que afectan a calidade de vida, a autonomía e a saúde, e que non son inevitables, senón que poden previrse ou mitigarse con intervencións axeitadas. A síndrome de fraxilidade é unha condición frecuente no envellecemento patolóxico. Trátase dun estado de vulnerabilidade no que unha persoa maior ten menos capacidade para responder a situacións de estrés, debido á diminución das reservas en diferentes sistemas do corpo (muscular, inmunolóxico, cognitivo, etc.). Isto aumenta o risco de caídas, hospitalizacións, dependencia ou incluso morte.

Un enfoque multidimensional do envellecemento

O discurso, titulado “¿Envellecemento fisiolóxico ou patolóxico? A síndrome de fraxilidade”, incluíu unha análise exhaustiva dos factores que contribúen ao desenvolvemento da síndrome de fraxilidade, desde alteracións celulares como o estrés oxidativo e a inestabilidade xenómica, ata a disfunción inmunolóxica e endócrina que acompaña o envellecemento. Tamén abordou a súa dimensión cognitiva, destacando a “fraxilidade cognitiva” como unha condición emerxente que multiplica o risco de dependencia e deterioración neurolóxica.

Laffon fixo fincapé en que a idade cronolóxica deixou de ser un criterio suficiente para estimar o estado funcional ou sanitario dunha persoa. “A fraxilidade é un mellor predictor que a idade de eventos adversos como hospitalización, discapacidade ou mortalidade. É necesario integrar este criterio na atención geriátrica”, subliñou.

Un problema crecente en Galicia e España

O discurso achegou datos relevantes sobre a situación demográfica: en Galicia, o 27 % da poboación supera os 64 anos, fronte ao 20 % no conxunto de España. Segundo proxeccións do INE, no 2050 España será o país máis envellecido do mundo, con preto do 40 % da poboación por riba dos 60 anos.

Neste contexto, Blanca Laffon lembrou a declaración da Década do Envellecemento Saudable (2021–2030) por parte da ONU e defendeu que a resposta debe ser global, interdisciplinaria e centrada na persoa”. A prevención, dixo, debe abordarse desde a actividade física, a nutrición, o axuste dos tratamentos farmacolóxicos, e a atención a factores ambientais e sociais.

Traxectoria científica e investigadora

Catedrática da Universidade da Coruña e referente en toxicoloxía xenética, a nova académica da RAFG combinou ao longo da súa carreira a investigación biomédica coa docencia e a colaboración internacional. Liderou estudos sobre biomarcadores de fraxilidade e envellecemento, participando en proxectos con centros como o IRCCS San Raffaele Pisana (Italia) ou a Universidade de Oxford (Reino Unido).

Durante o acto, Laffon tivo palabras de agradecemento para os seus mentores, colegas e colaboradores, e dedicou un recoñecemento especial ao seu grupo de investigación e á súa familia, de quen dixo que comparten comigo cada logro e sosteñen cada paso”.

Continuidade e compromiso coa Academia

O discurso de contestación foi pronunciado pola doutora Soledad Muniategui Lorenzo, quen eloxiou a rigorosa traxectoria académica de Laffon e o seu compromiso coa excelencia investigadora.

A nova Académica sucede ao Dr. Isaac Arias Santos como titular da Medalla nº 8 da institución, e expresou a súa intención de “honrar o seu legado con traballo e dedicación á ciencia e á farmacia galega”.

Previous article12 de xuño- Acto de ingreso como Académica Correspondente da Dra. Blanca Laffon Lage
Next articleSesión Conxunta das Reais Academias de Farmacia de Galicia e Cataluña