Historia: Fitos principais

04/11/1992. Solicitude de creación en Galicia dunha Sección da Real Academia de Farmacia.
Os académicos residentes en Galicia da Real Academia de Farmacia -na actualidade Real Academia Nacional de Farmacia- solicitan a creación dunha sección de ámbito galego co fin de lograr localmente mellores resultados no desenvolvemento e difusión das ciencias farmacéuticas.
17/12/1992. Redacción do proxecto de regulamento.
Acordo unánime da Xunta de Goberno da Real Academia de Farmacia de atender a demanda, instando aos académicos solicitantes a elaborar un proxecto de regulamento que contemple as peculiaridades da Sección; proxecto que é redactado e remitido á Real Academia con data 5/7/1993.
27/01/1994. Formación dunha comisión avaliadora do proxecto de regulamento.
Nomeamento por parte da Xunta de Goberno da Real Academia de Farmacia dunha comisión para a avaliación do proxecto de regulamento, integrada polo académicos D. Ángel Santos Ruiz como presidente, D. Juan Manuel López de  Azcona e D. Ángel Vián  Ortuño como vogais, e D. Antonio  Portolés Alonso como secretario.
12/04/1994. Acordo de creación da Sección Galicia da Real Academia de Farmacia.
A Xunta Xeral da Real Academia de Farmacia acorda por unanimidade a creación da Sección Galicia, apróbase o seu regulamento, e pasan a formar parte dela, en calidade de Xunta Xestora, o académico de número D. José Miñones Trillo e os académicos correspondentes, por orde de antigüidade, D. Benito Regueiro Varela, D. José Luis Vila Jato, D. José María Calleja Suárez, D. Jesús Izco Sevillano, D. Francisco Díaz-Fierros Viqueira e D. Enrique Raviña Rubira, todos eles con residencia en Galicia. No acordo indícase que “En el futuro, cuando esta Sección Delegada tenga mayor número de académicos y alcance el auge suficiente, podrá convertirse en entidad académica independiente”.
05/12/1994. Primeiros cargos directivos da Sección Galicia da Real Academia de Farmacia.
Nomeamento dos cargos directivos da Xunta Xestora a favor de D. Jesús Izco Sevillano, Presidente, D. José María Calleja Suárez, Secretario, e D. Enrique Raviña Rubira, Tesoureiro.
21/11/1996. Presentación pública da Sección Galicia da Real Academia de Farmacia.
En sesión solemne celebrada no Pazo de Fonseca, antiga sede da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela, celébrase o acto de presentación pública da Sección, coa asistencia das máximas autoridades galegas e da Real Academia de Farmacia. Desde este momento empeza a desenvolver o seu propio programa científico e incorpóranse os seus primeiros membros de número. Máis información.
06/09/2001. Solicitude de creación da Academia de Farmacia de Galicia como entidade de seu.
Tras a toma de posesión como académicos de número de tódolos compoñentes da Xunta Xestora, solicítase á Real Academia de Farmacia a segregación da Sección para constituírse, segundo o acordado, como entidade propia e independente da súa matriz.
09/10/2001. Aprobación da segregación da Academia de Farmacia de Galicia.
A Real Academia de Farmacia, aproba por unanimidade, co apoio e a valoración positiva do Instituto de España (17/1/2002), a proposta de segregación e consecuente creación da Academia de Farmacia de Galicia como institución independente.
01/07/2004. Aprobación polas autoridades galegas da Academia de Farmacia de Galicia e adscrición á Consellería de Sanidade.
En virtude das competencias asumidas pola Comunidade Autónoma de Galicia en materia de Academias, e unha vez regulado o exercicio das mesmas, a Xunta de Galicia aproba con carácter oficial a creación como entidade de seu da Academia de Farmacia de Galicia, a súa incorporación ao Rexistro Xeral de Academias galegas, a súa adscrición á Consellería de Sanidade, o ámbito da súa actuación e os seus estatutos (DOG de 19/7/2004).
26/06/2005. Elección da Xunta de Goberno.
Consonte aos novos estatutos elíxese unha primeira Xunta de Goberno integrada por D. Isaac Arias Santos, Presidente e D. Manuel Puga Pereira, Secretario.
22/02/2006. Presentación pública da Academia de Farmacia de Galicia como entidade de seu.
En sesión solemne celebrada no Antigo Hospital de San Roque de Santiago de Compostela preséntase a Academia de Farmacia de Galicia. No devandito acto, co que se inicia o curso académico 2006, pronuncia a lección inaugural D. Jesús Izco Sevillano na que relata os antecedentes da institución. Máis información.
15/07/2009. Nova elección de cargos da Xunta de Goberno.
Finalizado un primeiro mandato, a Xunta Xeral reelixe a D. Isaac Arias Santos e D. Manuel Puga Pereira como Presidente e Secretario, respectivamente, e a D. Nicanor Floro Andrés Rodríguez como Tesoureiro.
29/01/2014. Renovación da Xunta de Goberno.
Tras o correspondente proceso electoral celebrado de acordo cos estatutos elíxese unha nova Xunta de Goberno integrada por D. Manuel Puga Pereira, Presidente, Dña. Soledad Muniategui Lorenzo, Secretaria y D. Ángel Concheiro Nine, Tesoureiro, que toma posesión o 19/2/2014 na sesión pública de apertura de curso.
17/06/2014. Aprobación do Regulamento de Réxime Interior.
Por acordo unánime da Xunta Xeral, apróbase o primeiro Regulamento de Réxime Interior que desenvolve e complementa os contidos expresados nos estatutos da Academia de Farmacia de Galicia.
18/12/2017. Reelección da Xunta de Goberno.
Transcorrido o período regulamentario, resultan reelixidos D. Manuel Puga Pereira, Presidente, Dña. Soledad Muniategui Lorenzo, Secretaria e D. Ángel Concheiro Nine, Tesoureiro.
09/07/2019. Concesión do título de Real Academia.
A pedimento da Presidencia da Institución, S.M. o Rey de España Felipe VI concede o título de Real á Academia de Farmacia de Galicia (credencial nº 186/2019).
13/11/2019. Novos Estatutos.
Por Acordo do Consello da Xunta de Galicia, apróbase oficialmente a modificación dos estatutos da Real Academia de Farmacia de Galicia (DOG de 22/11/2019), que foran aprobados previamente por unanimidade en Xunta Xeral extraordinaria celebrada o 29/05/2018.
26/01/2021. Academia Asociada ao Instituto de España.
A Junta Rectora do Instituto de España, na súa reunión ordinaria do día 26 de xaneiro de 2021, acordou admitir á Real Academia de Farmacia de Galicia como academia asociada ao Instituto de España.
28/11/2022. Renovación da Xunta de Goberno.
Tras o correspondente proceso electoral de acordo cos estatutos, elíxese unha nova Xunta de Goberno integrada por D. Ángel Concheiro Nine, Presidente; Dña. Mª Isabel Loza García, Vicepresidenta; Dña. Carmen Álvarez Lorenzo, Secretaria; Dña. Soledad Muniategui Lorenzo, Tesoureira e D. Jorge Barros Velázquez, Bibliotecario, que toma posesión en sesión pública celebrada o 28/11/2022.