- Baixo o lema “Pensa en saúde, pensa en Farmacia”, salientouse a importancia da Farmacia na asistencia sanitaria e na saúde pública, e rendeuse homenaxe ás primeiras mulleres que conseguiron abrirse camiño na profesión, nunha época de acceso limitado á educación superior.
- O acto incluíu a presentación do vídeo conmemorativo do 30º aniversario da RAFG.
A Real Academia de Farmacia de Galicia celebrou este xoves o Día Mundial do Farmacéutico baixo o lema internacional “Pensa en saúde, pensa en Farmacia”. A xornada serviu para poñer en valor o papel dos farmacéuticos no coidado da saúde e para render unha homenaxe especial ás mulleres que, antes da Guerra Civil, lograron abrirse camiño na profesión superando importantes obstáculos sociais e profesionais.
O acto foi inaugurado polo presidente da RAFG, Ángel Concheiro, quen lembrou que cada 25 de setembro se conmemora en todo o mundo esta efeméride impulsada pola Federación Internacional Farmacéutica (FIP). Na mesa acompañárono a subdirectora xeral de Farmacia da Consellería de Sanidade, Silvia Reboredo García; a vicepresidenta da RAFG, Mabel Loza García, e a secretaria da Academia, Carmen Álvarez Lorenzo. Asistiron tamén ao acto, entre outras autoridades, os presidentes dos catro colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia.
En primeiro lugar, interveu o profesor Antonio González Bueno, catedrático de Historia da Farmacia da Universidade Complutense de Madrid, Académico Numerario da Real Academia Nacional de Farmacia e Correspondente electo da RAFG, coa conferencia “Farmacéuticas galegas antes da Guerra Civil: formación e proxección profesional”. A partir da figura pioneira de Manuela Barreiro Pico, trazou unha biografía colectiva de noventa mulleres licenciadas en Farmacia en Galicia antes de 1939, analizando a súa formación, traxectoria profesional, vida persoal e participación social, así como as dificultades ás que se enfrontaron nun tempo no que o acceso feminino aos estudos superiores era aínda moi limitado.
A continuación, tomou a palabra a subdirectora xeral de Farmacia da Consellería de Sanidade, Silvia Reboredo García, quen ofreceu unha visión global das achegas da farmacia ao sistema sanitario galego, salientando o papel clave das oficinas de farmacia na atención á poboación e a relevancia dos servizos hospitalarios en ámbitos como a medicina de precisión e as terapias avanzadas.
A secretaria da RAFG, Carmen Álvarez Lorenzo, presentou de seguido o vídeo conmemorativo do 30º aniversario da Academia, que recolle en imaxes e testemuños a evolución da institución desde a súa creación en 1994 como Sección Galicia da Real Academia de Farmacia ata a actualidade.
Na clausura, o presidente da RAFG destacou a diversidade de ámbitos nos que os farmacéuticos desenvolven o seu labor —farmacia comunitaria, hospitalaria, industria, distribución, análises clínicos, investigación e docencia— e a súa contribución decisiva a que a poboación dispoña de medicamentos seguros, eficaces e correctamente utilizados. Subliñou especialmente a proximidade dos farmacéuticos comunitarios cos pacientes e o seu papel na educación sanitaria e en campañas de saúde pública como a rede de farmacias sentinela, recentemente galardoada pola propia Academia.
Nas súas palabras, o presidente afirmou que “os farmacéuticos desempeñan un papel fundamental no coidado da saúde e constitúen un dos elementos clave do sistema sanitario, especialmente nun tempo no que a complexidade e a demanda de atención en saúde non deixan de medrar”. Tamén quixo personalizar a homenaxe nas mulleres pioneiras da farmacia galega: “Este ano quixemos lembrar ás farmacéuticas que, antes da Guerra Civil, exerceron a súa profesión en circunstancias moi adversas. O seu esforzo e o seu exemplo seguen a ser unha fonte de inspiración para as novas xeracións”.
O presidente pechou o acto agradecendo a colaboración da Consellería de Sanidade, dos Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia, de COFANO e Bidafarma, e o traballo das entidades e das persoas que fan do Día Mundial do Farmacéutico un motivo de celebración.