• O novo académico repasou no seu discurso de ingreso a súa traxectoria científica e os fitos na loita contra a triquinose.
• En Galicia, impulsou e consolidou a Parasitología Animal na Facultade de Farmacia.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2025.– A Real Academia de Farmacia de Galicia acolleu este mércores o ingreso do profesor Antonio R. Martínez Fernández como Académico Correspondente. Cunha traxectoria que supera o medio século na docencia e na investigación, o novo membro da institución pronunciou un discurso titulado “Trichinella spp.: 40 anos de trato intermitente”, no que repasou a súa vida científica vencellada a este parasito e as achegas que marcaron a loita contra a triquinose.

O Dr. Martínez Fernández doutorouse na Facultade de Veterinaria de León cunha tese sobre Trichinella spiralis, e iniciou unha carreira académica que o levou a ser catedrático na Universidade de Santiago de Compostela e, posteriormente, na Universidade Complutense de Madrid.

En Galicia consolidou os estudos de Parasitología Animal na Facultade de Farmacia, sentando as bases dunha área de investigación moi activa. Xa en Madrid, compaxinou o labor docente e investigador con cargos de xestión universitaria, como o de vicerreitor, e cunha intensa actividade na Real Academia Nacional de Farmacia. O seu currículo inclúe máis de 200 publicacións científicas, a dirección de máis de 60 teses de doutoramento e a autoría de libros e capítulos que se teñen convertido en referencia no ámbito da parasitoloxía.

Da curiosidade científica ao modelo experimental

No seu discurso de ingreso, o profesor Martínez Fernández fixo un percorrido pola evolución do coñecemento sobre Trichinella, o nematodo responsable da triquinose, unha enfermidade historicamente vinculada ao consumo de carne de porco contaminada. Lembrou como este parasito pasou de ser unha mera curiosidade zoolóxica a converterse nun modelo experimental clave en biomedicina e no desenvolvemento de medidas de seguridade alimentaria.

A intervención estruturouse en catro apartados, que abordaron distintos aspectos do estudo de Trichinella. Comezou coa taxonomía e evolución do xénero, facendo fincapé nos avances logrados nas últimas décadas grazas ás técnicas moleculares. Seguidamente, presentou a historia científica internacional, marcada pola creación da Comisión Internacional sobre Trichinellosis (ICT) e o establecemento do banco de cepas de referencia en Roma. Tamén examinou a viaxe de Trichinella a América, vencellada á exportación de porcos e xabarís europeos, o que permitiu trazar a dispersión do parasito. Finalmente, destacou as achegas persoais e do seu equipo, que incluíron estudos de illamentos en España, caracterización de cepas e aplicación de novas técnicas de análise xenética.

O novo académico lembrou que Trichinella foi tamén un motor para a profesión veterinaria: “Grazas a ela consolidouse unha misión social clave: a inspección e seguridade dos produtos cárnicos.”

Incorporación dun referente internacional

O discurso de presentación do novo académico foi pronunciado polo Dr. José María Calleja Suárez, Académico de Número Emérito, quen salientou que a chegada do Dr. Martínez Fernández a Santiago supuxo “o verdadeiro inicio dos estudos de Parasitología Animal” na Facultade de Farmacia, deixando un legado de enorme valor.

Con este acto, a Real Academia de Farmacia de Galicia recoñece o labor do Dr. Martínez Fernández no estudo dun parasito de grande relevancia sanitaria, social e económica en Galicia, e incorpora ás súas filas un referente internacional en parasitoloxía, reforzando así o seu compromiso coa investigación, a docencia e a divulgación científica no ámbito da saúde.

Previous articleActo de toma de posesión do Dr. Antonio Martínez Fernández como Académico Correspondente