Os traballos sobre terapia xénica para abordar o glioblastoma e un sistema de xelificación in situ para a osteoartrite reciben o XII Premio Julián Francisco Suárez Freire para Mozas Investigadoras.
• O Concello de Beariz, en Ourense, obtén o VI Premio Perfecto Feijóo pola restauración da Farmacia Janeiro de Doade, como iniciativa que realza a imaxe e o valor social da Farmacia en Galicia.
• A académica de número Soledad Muniategui pronunciou o discurso inaugural do curso 2026, no que abordou os desafíos dos nano e microplásticos desde o punto de vista sanitario e ambiental.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2026.– A Real Academia de Farmacia de Galicia (RAFG) celebrou este xoves o acto académico de apertura do Curso 2026, en sesión solemne pública, na súa sede do Antigo Hospital de San Roque, en Santiago de Compostela. O encontro serviu para recoñecer avances científicos de especial relevancia no ámbito da saúde, reflexionar sobre retos sanitarios e ambientais emerxentes e destacar iniciativas de conservación do patrimonio farmacéutico galego.

O acto comezou coa lectura da memoria de actividades correspondentes a 2025, a cargo da secretaria académica da RAFG, Carmen Álvarez Lorenzo, quen repasou as principais iniciativas científicas e institucionais desenvolvidas pola Academia durante o último ano.

A continuación, a académica de número Soledad Muniategui Lorenzo, catedrática de Química Analítica da Universidade da Coruña, pronunciou o discurso inaugural, centrado nos “Microplásticos e nanoplásticos desde o enfoque dunha soa saúde (One Health)”. Na súa intervención abordou un dos desafíos ambientais e sanitarios máis relevantes, alertando sobre a crecente presenza destas partículas no aire, na auga, nos alimentos e nos organismos vivos, incluídos os humanos.

Desde unha perspectiva que integra a saúde humana, animal e ambiental, Muniategui analizou o estado actual do coñecemento científico sobre as vías de exposición e os posibles efectos biolóxicos dos micro e nanoplásticos, así como as dificultades existentes para avaliar o seu impacto real debido á falta de métodos estandarizados e de estudos con relevancia clínica. Así mesmo, subliñou a necesidade de avanzar en estratexias regulatorias e de prevención máis eficaces.

Investigación nova fronte a grandes retos sanitarios

Durante o acto entregáronse os Premios da Academia 2025, cos que a Real Academia de Farmacia de Galicia recoñece a excelencia investigadora e as achegas destacadas ao ámbito farmacéutico realizadas en Galicia por investigadores menores de 35 anos.

O XII Premio Julián Francisco Suárez Freire para Mozas e Mozos Investigadores, patrocinado pola Fundación Bidafarma e COFANO, foi concedido a Carla García Mazás, do CiMUS, polo traballo “Designing polyphosphazene derivatives for gene delivery in glioblastoma treatment”. O estudo —no que participaron investigadores do IDIS e das universidades de Santiago de Compostela, Católica de Lovaina e Estadual de Campinas— aborda un dos maiores retos da oncoloxía actual: o tratamento do glioblastoma, un dos tumores cerebrais máis agresivos e con peor prognóstico.

A investigación demostra o potencial da terapia xénica mediante o uso de nanopartículas deseñadas para transportar xenes terapéuticos directamente ás células tumorais. Estes vehículos, elaborados a partir de materiais biodegradables e biocompatibles, permiten protexer o material xenético e facilitar a súa entrada no tumor dunha maneira máis eficaz e segura. En modelos experimentais, a combinación desta estratexia coa quimioterapia habitual conseguiu reducir o tamaño do tumor, mellorar a resposta ao tratamento e aumentar a supervivencia, o que abre novas vías para o desenvolvemento de terapias máis eficaces contra o glioblastoma.

Neste mesmo ámbito, o xurado outorgou un accésit a Helena Rouco Taboada, do grupo I+DFarma da Facultade de Farmacia e iMATUS, polo traballo “Micelle-to-Gel: Thermosensitive intra-articular hydrogels for osteoarthritis management”. Trátase dunha proposta innovadora fronte a unha enfermidade que afecta a millóns de persoas en todo o mundo, desenvolvida mediante unha colaboración multidisciplinar con participación de especialistas en traumatoloxía do IDIS e modelos preclínicos da Facultade de Veterinaria de Lugo.

O estudo propón unha nova estratexia para o tratamento da artrose, baseada en formulacións inxectables que pasan de estado líquido a xel na articulación afectada. O xel permite que o fármaco permaneza máis tempo na articulación e actúe de forma prolongada, reducindo a inflamación e o dano estrutural. A combinación de biomateriais, nanotecnoloxía e intelixencia artificial sitúa esta tecnoloxía como unha alternativa prometedora aos tratamentos convencionais.

Posta en valor do patrimonio farmacéutico

O VI Premio Perfecto Feijóo foi concedido ao Concello de Beariz (Ourense) pola súa iniciativa de restauración e posta en valor da histórica botica Janeiro de Doade, un dos exemplos máis destacados de oficina de farmacia tradicional conservados en Galicia. O proxecto permitiu recuperar integramente o establecemento, mantendo a súa estrutura orixinal, os seus espazos funcionais e o mobiliario histórico, e abrilo ao público como espazo divulgativo. A antiga farmacia converteuse así nun referente para a difusión da historia sanitaria e farmacéutica da comarca, contribuíndo a preservar a memoria profesional e a achegar á cidadanía o papel social da Farmacia ao longo do tempo.

Por último, o Premio Antonio Casares Rodríguez, patrocinado polos catro Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia, foi concedido a Manuel Novás González, en recoñecemento á excelencia acadada nos seus estudos do Grao en Farmacia.

O acto contou coa presenza da subdirectora xeral de Saúde Ambiental e Seguridade Alimentaria da Dirección Xeral de Saúde Pública, Inés Mato Naveira, en representación do conselleiro de Sanidade, así como do secretario xeral de Universidades e dos catro presidentes dos Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia, entre outras autoridades e representantes de academias e entidades colaboradoras. Concluíu coa intervención do presidente da Real Academia de Farmacia de Galicia, o Ilmo. Sr. Dr. D. Ángel Concheiro Nine, qu

en clausurou a sesión e declarou inaugurado o curso académico 2026.

Previous articleApertura do Curso Académico 2026