Os académicos de número da Real Academia de Farmacia de Galicia Carmen Álvarez Lorenzo e Ángel Carracedo Álvarez recibiron onte, 27 de outubro, os seus respectivos Premios Nacionais de Investigación 2026 das mans de S. M. o rei Felipe VI, durante unha cerimonia celebrada en Vitoria-Gasteiz, que contou coa participación da ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, Diana Morant.

Carmen Álvarez Lorenzo, académica de número e secretaria da RAFG, recibiu o Premio Nacional de Investigación Blas Cabrera, na área de Ciencias Físicas, dos Materiais e da Terra, pola súa destacada traxectoria no ámbito da ciencia dos materiais biomédicos.

Pola súa banda, Ángel Carracedo foi distinguido co Premio Nacional de Investigación Gregorio Marañón, na área de Medicina e Ciencias da Saúde, en recoñecemento á súa traxectoria en medicina forense e xenómica.

Na cerimonia estivo presente unha destacada representación institucional galega, entre a que se atopaban Ángel Concheiro Nine, presidente da RAFG, e Mabel Loza, vicepresidenta da Academia e directora científica do CiMUS. Tamén asistiron Rosa Crujeiras, reitora da Universidade de Santiago de Compostela; Ricardo Cao, reitor da Universidade da Coruña, e Carmen Cotelo, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN).

A edición de 2026 tivo unha especial relevancia para Galicia, con cinco investigadores galegos entre as vinte persoas premiadas. Ademais de Álvarez Lorenzo e Carracedo, recibiron distincións José Antonio Sobrino Rodríguez (Premio Alejandro Malaspina), Laura Castro Santos (Premio Ángeles Alvariño) e Ana Novoa Pérez (Premio Nacional de Investigación para Mozos Ángela Ruiz Robles).

A Real Academia de Farmacia de Galicia expresa os seus parabéns a todas as persoas galardoadas e celebra especialmente o recoñecemento a dous dos seus académicos de número, cuxas traxectorias reflicten a excelencia, a diversidade e a proxección internacional da investigación científica galega.

Previous articleINGRESO DR. ANTONIO ISACIO GONZÁLEZ BUENO COMO ACADÉMICO CORRESPONDENTE