• O xefe do Servizo de Farmacia do Hospital de Montecelo (Pontevedra), Carlos Crespo Diz, novo Académico de Número da Real Academia de Farmacia de Galicia.
• O doutor Crespo subliñou no seu discurso de ingreso que o farmacéutico hospitalario é “clave para equilibrar innovación e seguridade, avaliando beneficio-risco e vixiando fármacos”.
Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2026.- Carlos Alberto Crespo Diz, xefe do Servizo de Farmacia do Hospital Universitario Montecelo (Pontevedra), tomou posesión como Académico de Número da Real Academia de Farmacia de Galicia (RAFG) nun acto solemne celebrado no antigo Hospital de San Roque de Santiago de Compostela. O discurso de ingreso centrouse nun dos grandes desafíos actuais do sistema sanitario: o acceso a medicamentos en situacións especiais e de excepcionalidade terapéutica.
Baixo o título “A excepcionalidade terapéutica na práctica farmacéutica hospitalaria: medicamentos en situación especial”, o novo académico abordou a necesidade de recorrer, na práctica clínica, a medicamentos fóra do seu contexto habitual de comercialización, xa sexa porque se atopan aínda en fase de investigación, porque o seu uso responde a necesidades clínicas non recollidas nas indicacións autorizadas, porque requiren condicións especiais de acceso pese a estaren comercializados, ou pola existencia de baleiros terapéuticos ou ausencia de alternativas. Así mesmo, abordou aquelas situacións que fan necesaria a transformación de formas farmacéuticas para asegurar unha adecuada dispoñibilidade dos tratamentos, especialmente en pacientes con enfermidades pouco frecuentes.
O novo académico defendeu o papel estratéxico do farmacéutico hospitalario como garante do equilibrio entre innovación e seguridade, destacando a súa función na avaliación do balance beneficio-risco, a farmacovixilancia activa e a participación en comités clínicos e éticos. Así mesmo, realizou unha análise comparada dos marcos regulatorios nacionais e internacionais e abordou os principios bioéticos que deben guiar estas decisións. Tamén apuntou que é previsible un incremento da demanda de formulacións personalizadas, tanto no ámbito dos medicamentos orfos como en novas áreas de aplicación de terapias avanzadas, como a terapia celular e a terapia xénica. Neste contexto, subliñou que a Farmacia Hospitalaria deberá fortalecer a súa capacidade de innovación e produción segura, incorporando sistemas electrónicos de trazabilidade, validación de estabilidade e colaboración con redes internacionais de medicamentos orfos.
O doutor Crespo destacou que a cooperación con axencias reguladoras como a AEMPS, a EMA ou a FDA será clave para desenvolver guías harmonizadas que faciliten a preparación estandarizada de medicamentos en situacións especiais. Concluíu que a autorización da dispensación de medicamentos en situacións especiais constitúe un proceso deliberativo complexo, no que o farmacéutico hospitalario asume un papel de garante ético, clínico e regulatorio. Este rol oriéntase non só a dar resposta a unha necesidade clínica inmediata, senón tamén a contribuír á seguridade do paciente e á construción dun coñecemento colectivo que permita mellorar a práctica farmacéutica habitual no futuro.
O discurso de contestación correu a cargo do Académico de Número Emérito, Isaac Gabriel Arias Santos, quen destacou a sólida traxectoria profesional e académica de Crespo Diz, o seu compromiso coa sanidade pública galega e a súa contribución ao desenvolvemento da farmacia hospitalaria. O presidente da Real Academia de Farmacia de Galicia, Ángel Concheiro, presidiu o acto, que contou coa asistencia do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e da directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo Queijo, entre outras autoridades e un numeroso público.
Carlos Alberto Crespo Diz, natural de Carril (Vilagarcía de Arousa), exerce actualmente como xefe do Servizo de Farmacia da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés. A súa traxectoria estivo vinculada ao Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e á Consellería de Sanidade, combinando actividade asistencial, docente e de xestión.
