• A entidade inaugura o curso académico 2025 premiando a excelencia profesional, académica e científica.
  • A RAFG entregou os premios Antonio Casares Rodríguez ao mellor expediente académico e o XI Premio Julián Francisco Suárez Freire para Mozos Investigadores, que recoñeceron dous traballos sobre a personalización de tratamentos considerando as características xenéticas e a seguridade das leites de fórmula infantil.

 Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2025. A sede da Real Academia de Farmacia de Galicia, en Santiago, acolleu este mércores, 15 de xaneiro, a apertura do seu curso académico 2025. Durante o acto, presidido polo seu presidente, Ángel Concheiro, entregáronse os premios anuais que destacan a contribución ao avance da ciencia, a práctica farmacéutica e a excelencia académica.

No transcurso da sesión que tivo lugar na sede da entidade en Santiago, entregouse o V Premio Perfecto Feijóo da Real Academia de Farmacia de Galicia, outorgado á Rede de Farmacias Centinela de Galicia para a Predición Epidemiolóxica. Este proxecto pioneiro xorde do acordo entre os catro Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia e a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

Esta rede, composta por 70 farmacias distribuídas nas catro provincias galegas (30 na Coruña, 10 en Lugo, 10 en Ourense e 20 en Pontevedra), permite anticipar a evolución da gripe estacional e doutras infeccións respiratorias agudas. As farmacias centinela recollen e envían semanalmente datos sobre a venda de test de antíxenos e os cinco medicamentos antigripais máis consumidos, que son analizados xunto con rexistros de atención primaria e urxencias hospitalarias mediante un modelo matemático. Este sistema permite prever a evolución da gripe con ata 15 días de antelación, facilitando unha resposta sanitaria máis áxil e eficaz.

Premio Antonio Casares Rodríguez 2024

Así mesmo, durante o acto fíxose entrega do Premio Antonio Casares Rodríguez 2024, patrocinado polos catro Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia, que se concedeu a José Lorenzo Castaño Verde, en recoñecemento ao seu sobresaínte expediente académico como estudante do Grao en Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela, onde rematou os seus estudos en 2024.

XI Premio Julián Francisco Suárez Freire para Mozos Investigadores

Na categoría de investigación, a RAFG entregou o XI Premio Julián Francisco Suárez Freire, patrocinado pola Fundación BIDAFARMA e COFANO, a destacados traballos científicos. O investigador do IDIS, Francisco José Toja-Camba, recibiu este galardón polo seu estudo titulado “Role of CYP2D6 and CYP3A4 polymorphisms on aripiprazole and dehydroaripiprazole concentrations in patients undergoing long-acting treatment”, publicado en Progress in Neuropsychopharmacology & Biological Psychiatry.

O estudo analiza como as diferenzas xenéticas en dúas encimas do fígado chamadas CYP2D6 e CYP3A4 afectan a forma en que o corpo procesa un medicamento chamado aripiprazol. Este fármaco úsase para tratar trastornos mentais como a esquizofrenia e o trastorno bipolar, e as encimas mencionadas convérteno nunha forma activa ou elimínano do corpo. A investigación destaca que algunhas persoas teñen variantes xenéticas que fan que estas encimas traballen máis lentamente, o que provoca que o medicamento e a súa forma activa se acumulen no sangue, aumentando o risco de efectos secundarios. Por outra banda, en persoas con encimas que funcionan normalmente, os niveis do medicamento son máis baixos e estables. Ademais, outros medicamentos que un paciente poida estar tomando tamén inflúen, xa que poden acelerar ou ralentizar a actividade destas encimas. Isto fai que sexa aínda máis importante axustar as doses de aripiprazol segundo cada caso.

O estudo subliña a importancia de personalizar os tratamentos con aripiprazol, considerando as características xenéticas de cada persoa e os medicamentos que usa, para lograr un tratamento máis seguro e efectivo.

Ademais, a RAFG concedeu tamén un accésit a Jorge A. Custodio-Mendoza polo seu traballo “Simultaneous determination of carbonyl compounds related to thermal treatment and oxidative stability of infant formulas by gas-diffusion microextraction and high-performance liquid chromatography with ultraviolet detection”, publicado en Analytica Chimica Acta.

O estudo aborda a seguridade das fórmulas infantís, que son a única alternativa á lactación materna durante o primeiro ano de vida. Aínda que estes produtos se someten a tratamentos térmicos para garantir a súa seguridade e vida útil, estes procesos poden xerar compostos químicos potencialmente prexudiciais que afectan á calidade e ao valor nutricional das fórmulas. A investigación presenta un novo método eficiente e económico para analizar estes compostos, empregando unha técnica chamada microextracción por difusión de gases combinada con HPLC (cromatografía líquida de alta resolución) para identificar e cuantificar simultaneamente estes compostos.

O método demostrou ser preciso e fiable, e aplicouse a 26 mostras de distintas fórmulas infantís. Este avance permite identificar patróns na composición química das fórmulas infantís e mellorar o seu control de calidade, introducindo novos métodos para analizar alimentos e garantir a súa seguridade. En conxunto, o traballo contribúe a mellorar a seguridade e o valor nutricional das fórmulas infantís, beneficiando tanto aos produtores como aos consumidores.

Previous articleApertura do curso académico 2025