A Real Academia de Farmacia de Galicia e a Real Academia de Medicina de Galicia celebraron onte, martes 24 de novembro, unha sesión científica conxunta dedicada á «Fraxilidade no envellecemento», unha cuestión de crecente relevancia ante o progresivo envellecemento da poboación e os desafíos que este fenómeno supón para a saúde, a autonomía e a calidade de vida das persoas maiores.

O encontro tivo lugar no salón de graos da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela e reuniu especialistas do ámbito universitario e científico para analizar a fraxilidade desde unha perspectiva multidisciplinar, afondando nas súas manifestacións clínicas, nos factores de risco asociados ao seu desenvolvemento e na súa relación coas funcións cognitivas.

A sesión contou cunha introdución institucional a cargo dos presidentes de ambas as academias, o doutor Ángel Concheiro Nine e o doutor Francisco Martelo Villar. A moderación correu a cargo da doutora Blanca Laffon Lage, académica numeraria da Real Academia de Farmacia de Galicia, e do doutor Álvaro Ruibal Morell, académico numerario da Real Academia de Medicina de Galicia.

O programa científico reuniu tres intervencións especializadas. A doutora Vanessa Valdiglesias García, profesora titular de Xenética da Universidade da Coruña, abordou a definición de fraxilidade, a súa sintomatoloxía e as súas principais implicacións clínicas. Pola súa banda, a doutora Blanca Laffon Lage, catedrática de Psicoloxía Biolóxica da mesma universidade, afondou nos factores de risco e no desenvolvemento de biomarcadores relacionados con esta síndrome. Finalmente, Isabel González-Abraldes Iglesias, profesora axudante doutora da Facultade de Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña, centrou a súa intervención na relación entre fraxilidade e cognición.

Ao longo da sesión púxose de relevo a importancia de comprender a fraxilidade como unha síndrome asociada ao envellecemento, caracterizada por unha maior vulnerabilidade das persoas ante situacións de estrés e enfermidade. A súa detección precoz constitúe un elemento fundamental para avanzar na prevención, mellorar as estratexias de atención sanitaria e contribuír ao mantemento da autonomía e da calidade de vida durante o proceso de envellecemento.

Con esta iniciativa conxunta, ambas as Reais Academias reafirman o seu compromiso coa divulgación do coñecemento científico, o intercambio interdisciplinar e a análise de cuestións de especial transcendencia sanitaria e social, promovendo espazos de encontro entre profesionais e investigadores para afrontar os retos que presenta o envellecemento da poboación.

 

Previous articleXIII Premio Julián Francisco Suárez Freire