As académicas de número África González Fernández e Mabel Loza García, vicepresidenta da RAFG, foron recoñecidas, a primeira, co Premio María Josefa Wonenburger Planells 2025, e a segunda, como Galega do Ano 2025 en Ciencia e Investigación.

A Xunta de Galicia, a través da Unidade da Muller e da Ciencia, concedeu por unanimidade o Premio María Josefa Wonenburger Planells á profesora África González Fernández, recoñecendo o seu labor en inmunoloxía e nanomedicina. Licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Alcalá, a profesora África González desenvolveu investigacións pioneiras no Laboratory of Molecular Biology de Cambridge e desde 1996 lidera o desenvolvemento da área de inmunoloxía na Universidade de Vigo e no Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO). A súa traxectoria inclúe avances en inmunoloxía básica e aplicada, desenvolvemento de vacinas, nanomedicina e transferencia tecnolóxica, sendo cofundadora da empresa Nanoinmunotech. Presidiu a Sociedade Española de Inmunoloxía e foi finalista nos premios europeos Mulleres Innovadoras.

Mabel Loza García, Galega do Ano 2025 en Ciencia e Investigación

A profesora Mabel Loza, directora científica do CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela, foi distinguida por El Correo Gallego como “Galega do Ano” na categoría de Ciencia e Investigación. O xurado destacou a súa contribución ao progreso científico e o seu liderado en biotecnoloxía en Galicia.

Baixo a súa dirección, o CiMUS foi recoñecido en 2025 como Unidade de Excelencia María de Maeztu, reflectindo o seu impacto internacional. A profesora Loza dirixe o grupo BioFarma e é patroa científica da Fundación Kaertor, cunha traxectoria destacada en avances para a descoberta temperá de fármacos. Na gala celebrada na Cidade da Cultura, a profesora Loza dedicou o galardón aos seus equipos de investigación, subliñando a importancia da ciencia para o desenvolvemento social e científico.

A Real Academia de Farmacia de Galicia felicita as súas académicas por estes recoñecementos, que reflicten a súa contribución ao desenvolvemento da investigación científica e ao fortalecemento do coñecemento nas ciencias da saúde.

 

Previous articleXII Premio Julián Francisco Suárez Freire