A Académica Correspondente da RAFG e científica, Marisol Soengas, recibiu o Premio Fernández Latorre en recoñecemento á súa brillante traxectoria, que a sitúan como unha das referentes españolas no estudo do cancro de pel a nivel internacional.
Os traballos da actual presidenta da Asociación Española de Investigación contra o Cancro, nacida en Agolada e criada na Coruña, publicáronse nas revistas científicas máis relevantes. Durante o acto, a investigadora aproveitou a súa intervención para destacar a importancia de comunicar á sociedade os avances da ciencia e reclamou que “nun mundo de inmediatez e de presión polos clics e os likes e con ChatGPT e a IA penetrando en todos os ámbitos, non deixe de apoiarse o xornalismo especializado e rigoroso en ciencia”.
A galardoada, que recibiu o premio de mans do presidente e editor da Voz, Santiago Rey Fernández-Latorre, concluíu facendo gala unha vez máis do seu característico optimismo: “Déixolles unha mensaxe de esperanza, a comunidade científica traballa cun horizonte de 70 % de supervivencia global en cancro para o ano 2030”.
Máis información en: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2023/11/23/cientifica-marisol-soengas-premiada-65-edicion-fernandez-latorre/00031700772045159410591.htm