- Terá lugar o vindeiro xoves, 13 de marzo, ás 19h na sede da Real Academia de Medicina de Galicia (C/ Durán Loriga, 10-2º, A Coruña)
As Reais Academias de Farmacia e Medicina de Galicia celebran o vindeiro xoves, día 13, unha sesión conxunta baixo o título “Papel dos biomarcadores no desenvolvemento de medicamentos”. Moderada polos Académicos de Número da RAFG, Mabel Loza e Álvaro Ruibal; e introducida polos Presidentes de ambas as dúas Reais Academias, Ángel Concheiro e Francisco Martelo, a sesión porá o foco nas seguintes temáticas:
– De maneira xeral, o “desenvolvemento de medicamentos: o salto da preclínica á clínica” a cargo do coordinador da Unidade de Investigación e Innovación do Servizo de Farmacia, do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), Anxo Fernández Ferreiro.
– De maneira específica, nos “avances en tomografía por emisión de positrones de TAU no Alzheimer e outras enfermidades neurodexenerativas”, a cargo do investigador do CiMUS da USC, do IDIS e de The Sahlgrenska Academy da Universidade de Gothenburg (Suecia), especialista en neuroimaxe e novos biomarcadores en sangue para detectar enfermidades neurodexenerativas, Alexis Moscoso Rial.