- Foi o tema do discurso da toma de posesión da Académica de Número, María Eugenia Puentes Colorado, directora ata hai uns meses de I+D de CZ Vaccine, de Biofabri, do Grupo Zendal
- A científica disertou sobre as enfermidades emerxentes, a súa evolución histórica, o cambio de paradigma que supuxo a COVID-19 e a necesidade dun plan estratéxico mundial para o desenvolvemento de vacinas contra futuras pandemias
- A Dra. Puentes Colorado falou tamén da necesidade de modificar os procedementos regulatorios para favorecer a implantación deste plan estratéxico
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2025. A Real Academia de Farmacia de Galicia acolleu onte a cerimonia de ingreso como Académica de Número da Dra. María Eugenia Puentes Colorado, directora ata hai uns meses de I+D de CZ Vaccine, da filial Biofabri do Grupo Zendal.
O discurso de ingreso da especialista en vacinas, “O desenvolvemento de vacinas ante futuras pandemias: A enfermidade X”, contestado polo Académico de Número, o Dr. Manuel Puga, tivo como eixe a explicación da chamada “enfermidade X” como patoloxía nova causada por un virus, “que representa todo o que descoñecemos, pode (ou non) ser mortal ou moi contaxiosa e pode chegar a ser (ou non) unha ameaza para a nosa forma de vida” en palabras de Puentes Colorado. A COVID-19, prosegue a académica, é un perfecto exemplo de enfermidade X.
Por iso, e dada a experiencia previa en COVID 19 e as súas fatais consecuencias, causadas en parte pola falta inicial de vacinas efectivas, a Organización Mundial da Saúde chama á prioridade estratéxica da comunidade internacional investigadora, clínica, institucional e económica, de “facer presión na necesidade de desenvolver ferramentas fronte a familias enteiras de virus, no canto de centrarse en virus específicos”.
Entre estas “ferramentas” referiuse ás vacinas como algúns dos máis potentes e eficientes instrumentos na loita para superar as epidemias; e á conveniencia de “acelerar o camiño do desenvolvemento tradicional dunha nova vacina, xa que é un proceso longo, custoso, que require como media 15 anos e non permite responder con rapidez a unha emerxencia sanitaria”.
A lección que aprendemos coa COVID-19
Durante a pandemia os prazos de desenvolvemento reducíronse de maneira extraordinaria en todas as fases, o que representou un cambio de paradigma na creación de vacinas, que foi posible grazas ao coñecemento previo sobre os coronavirus, a integración de recursos humanos e técnicos, e a concentración de financiamento, entre outros factores.
Plan estratéxico para o desenvolvemento de vacinas contra futuras pandemias
A Coalición para Innovacións en Preparación para Epidemias deseñou un plan estratéxico, chamado Misión 100 días “A Moonshot”, cuxo obxectivo é revolucionar a resposta ante pandemias. Este ambicioso plan busca que, nun prazo de 100 días desde a identificación dun brote dun patóxeno potencialmente pandémico, se dispoña de vacinas seguras e eficaces, con autorización inicial, listas para producirse a grande escala e ser accesibles en todo o mundo, para poder actuar sobre a poboación máis vulnerable e controlar o avance da epidemia.
Para logralo, é fundamental investir con antelación na fase pre-pandemia, para desenvolver vacinas prototipo fronte a posibles ameazas. Para que esta misión teña éxito, segundo explica a Académica, é crucial contar cun enfoque e compromiso global, asentado en cinco requisitos científicos e tecnolóxicos:
1. Desenvolver prototipos vacinales para patóxenos representativos de múltiples familias virales nunha plataforma tecnolóxica de rápida resposta, que poida ser utilizada ben directamente (se existe suficiente protección cruzada) ou ser rapidamente adaptada se un virus emerxe.
2. Dispor de capacidades de fabricación de vacinas a nivel mundial.
3. Preparar a nivel mundial infraestruturas listas para a realización de ensaios clínicos e así poder probar simultaneamente múltiples candidatos vacinales e obter con rapidez resultados de seguridade e eficacia.
4. Identificar biomarcadores temperáns de eficacia que permitan medir a resposta inmune e a protección inducida pola vacina con maior rapidez.
5. Contar cunha rede global de vixilancia e alerta epidemiolóxica robusta, integrada baixo o concepto de “Unha soa Saúde” (One Health), que abarque a saúde humana, animal e ambiental, permitindo a detección temperá e a caracterización do brote e do patóxeno.
María Eugenia Puentes advertiu, ademais, que é necesario modificar os procedementos regulatorios, a miúdo marcados por unha burocracia lenta e complexa, para facilitar a rápida implementación desta estratexia global.
Cerimonia de ingreso: acceso