- A Real Academia de Farmacia de Galicia sumouse a esta conmemoración cun acto no que a presidenta da ONG Farmamundi, Sara Valverde, abordou os principais retos sanitarios na próxima década.
- Pola súa banda, os académicos Francisco Díaz-Ferros Viqueira e Antonio Isacio González enxalzaron a figura do farmacéutico Julián Francisco Suárez Freire.
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2024.-A Real Academia de Farmacia de Galicia (RAFG) celebrou este mércores 25 o Día Mundial do Farmacéutico cun acto no que se puxo en valor o papel dos profesionais da Farmacia no coidado e a mellora da saúde a nivel global. Neste evento, que tivo lugar na sede da entidade no antigo hospital de San Roque (Santiago), subliñouse tamén a importancia de achegar solucións locais para abordar os grandes desafíos sanitarios e sociais que afectan á saúde das poboacións de todo o mundo. Ao acto, no que participaron numerosos académicos, asistiron a subdirectora xeral de Farmacia da Xunta de Galicia, Silvia Reboredo Garcia, o presidente da ACSUG, Juan José Neto Roig, e os presidentes dos colexios oficiais de farmacéuticos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra e representantes doutras asociacións profesionais e cooperativas de distribución farmacéutica entre outras autoridades e representacións. A xornada, celebrada en formato mixto (presencial e online), foi un espazo de encontro para o sector, no que se puxo en valor as contribucións que os farmacéuticos realizan en todos os ámbitos do sistema sanitario.
A presidenta da ONG Farmamundi, Sara Valverde Montero, expuxo os retos máis urxentes en materia de saúde pública para a próxima década. Na súa intervención, Valverde destacou a necesidade de entender a saúde como “un ben público global”, subliñando que tanto as enfermidades como as medidas para controlalas teñen repercusións a nivel mundial. Tamén lembrou a interdependencia entre a saúde e outros ámbitos como a política, a economía, o medio ambiente e as institucións.
Valverde, á fronte dunha organización que defende o dereito á saúde desde 1993, resaltou que garantir este dereito implica o compromiso das autoridades e os profesionais para afrontar os desafíos sanitarios do futuro.
Ademais, o acto serviu para render homenaxe a unha figura histórica da Farmacia galega. Os académicos Antonio Isacio Gonzalez Bueno e Francisco Díaz-Ferros Viqueira presentaron unha detallada análise da vida e as contribucións de Julián Francisco Suárez Freire (1751-1832), un farmacéutico galego que destacou non só polo seu labor no campo da saúde, senón tamén polo seu compromiso político e social nos primeiros anos do século XIX.
O profesor Antonio González Bueno repasou a traxectoria de Suárez Freire, subliñando o seu papel como pioneiro na formación farmacéutica en Galicia e como o primeiro “doutor en Farmacia” de España. Así mesmo, resaltou o seu papel como impulsor da creación dun Colexio de Farmacia en Santiago de Compostela e a súa relación co matemático Rodríguez, o primeiro científico galego de renome internacional.
Pola súa banda, Francisco Díaz-Ferros Viqueira profundou na amizade e a colaboración entre Suárez Freire e Rodríguez, que se reflicte na correspondencia de 94 cartas conservadas na Universidade de Santiago. Estas cartas ofrecen unha visión única sobre as preocupacións de ambos os personaxes nun período convulso da historia, destacando o seu espírito liberal e o seu interese na creación de institucións científicas sólidas en Galicia. O académico concluíu destacando a importancia do legado de Suárez Freire na preservación da colección de cristais de Haüy, que hoxe se conserva na USC.
O acto concluíu coa intervención do presidente da Real Academia de Farmacia de Galicia, Ángel Concheiro Nine, quen destacou a relevancia social da farmacia e animou a todos os profesionais a seguir contribuíndo con solucións locais a promover a saúde e o benestar a nivel global.