A Real Academia de Farmacia de Galicia (RAFG) participou este martes, 13 de maio, no acto central de conmemoración do 130º aniversario do Colexio Médico-Farmacéutico da Coruña, celebrado no Pazo de Fonseca de Santiago. O evento tivo como protagonista ao recoñecido biotecnólogo e Académico Correspondente da RAFG César de la Fuente Núñez, quen falou sobre a “IA para o descubrimento de antibióticos”.

Na súa intervención, presentada polo presidente da RAFG, Ángel Concheiro, De la Fuente —docente na Universidade de Pensilvania e pioneiro no uso da intelixencia artificial para o deseño de novos antibióticos— abordou como a bioloxía dixital está a permitir acelerar o desenvolvemento de terapias fronte ás bacterias resistentes, un dos maiores desafíos actuais para a saúde pública global.

“A combinación de intelixencia artificial e bioloxía non só busca entender ás bacterias, senón tamén deseñar solucións máis eficaces para combatelas”, sinalou o investigador, recentemente galardoado co Premio Fundación Princesa de Girona e único representante dos Estados Unidos na Global Young Academy.

A Real Academia de Farmacia de Galicia estivo representada polo seu presidente, Ángel Concheiro Nine, quen compartiu mesa institucional xunto co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; o presidente do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, Luciano Vidán Martínez; e a presidenta do Colexio Oficial de Farmacéuticos, Sara Catrain González.

A presenza da RAFG neste encontro reforza o seu compromiso coa promoción do coñecemento farmacéutico e biomédico en Galicia. Cómpre lembrar que César de la Fuente foi nomeado Académico Correspondente desta institución en 2024, consolidando así a súa estreita vinculación coa comunidade científica galega.

Este acto enmárcase no conxunto de actividades organizadas polo Colexio Médico-Farmacéutico da Coruña con motivo do seu aniversario, que xa incluíu encontros noutras localidades como Ribeira e Carballo, centrados en temas como a saúde comunitaria, o deporte e o exercicio da profesión no ámbito rural.

Previous articleIA, saúde e medicamentos: a Real Academia de Farmacia de Galicia reúne a expertos en clínica e tecnoloxía farmacéutica.
Next articleLuis Paz-Ares insta a impulsar a investigación contra o cancro de pulmón máis agresivo no seu ingreso na Real Academia de Farmacia de Galicia