• Álvaro Goyanes, Brais Muñiz e María Luz Couce abordaron temas como a impresión 3D e a intelixencia artificial aplicadas á personalización de medicamentos, e o desenvolvemento de medicamentos impresos para enfermidades raras, nun evento moderado por Carmen Alvarez-Lorenzo, académica de número da RAFG e directora de iMATUS.
• A mesa redonda tivo lugar este mércores, 30 de abril, no Salón de Graos da Facultade de Farmacia.
A Real Academia de Farmacia de Galicia organizou o pasado 30 de abril unha mesa redonda sobre “Medicamentos personalizados: sinerxías entre a tecnoloxía farmacéutica, a intelixencia artificial e a clínica”. O evento tivo lugar no Salón de Graos da Facultade de Farmacia de Santiago e está dispoñible en liña no canal de YouTube da RAFG.
A mesa redonda foi moderada por Carmen Alvarez-Lorenzo, académica secretaria da RAFG e directora de iMATUS, quen sinalou que esta actividade se enmarca “dentro dos fins da Real Academia de Farmacia de Galicia como son a divulgación científica e a difusión de coñecemento á sociedade”.
O evento reuniu a destacados expertos no ámbito da medicina personalizada. Así, o profesor Álvaro Goyanes, da USC, falou sobre “A impresión 3D para a personalización de medicamentos” e os seus beneficios para os pacientes. Neste contexto, destacou que actualmente un porcentaje significativo dos medicamentos non son eficaces, xa que non se están personalizando de acordo ás necesidades específicas de cada paciente. Neste sentido, defendeu a impresión 3D como unha solución para adaptar doses, combinacións de fármacos e textura dos medicamentos orais e, polo tanto, mellorar a adherencia e eficacia dos tratamentos.
Pola súa banda, Brais Muñiz, investigador do CITIC da UDC, analizou “O uso da intelixencia artificial na medicina personalizada”. Na súa intervención, centrouse en dous proxectos nos que está traballando: o M3DISEEN, unha ferramenta de apoio para os técnicos encargados de imprimir os medicamentos, e o DosetAIlor, un software que permite precisar a dose óptima para cada paciente.
Por último, a doutora María Luz Couce, xefa do Servizo de Neonatoloxía do CHUS e directora científica do IDIS, falou sobre “Medicamentos impresos para enfermidades raras: casos de éxito”. A doutora Couce destacou o papel crecente da impresión 3D na medicina, especialmente no tratamento das enfermidades metabólicas hereditarias. Neses casos, os pacientes requiren produtos dietéticos e fármacos, onde a dosificación precisa e a adherencia ao tratamento son fundamentais para evitar descompensacións metabólicas. O CHUS, en colaboración coa USC, foi pioneiro a nivel mundial no desenvolvemento de “imprimidos” –nome que reciben os medicamentos impresos– para o tratamento da poboación pediátrica, área onde a impresión 3D resulta especialmente útil debido ás características específicas dos pacientes.
O acto finalizou cun interesante debate sobre o futuro da impresión 3D de medicamentos e as aplicacións nas que pode aportar unha vantaxe competitiva respecto aos medicamentos convencionais.