• A Real Academia de Farmacia de Galicia organizou un acto conmemorativo con motivo do Día Mundial do Farmacéutico no que se homenaxeou ao farmacéutico compostelán Xosé Rodríguez Carracido
  • Os académicos Francisco Díaz-Ferros Viqueira e Antonio Isacio González Bo profundaron na relevante figura do científico galego, así como nas súas contribucións á Farmacia

 Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2023.-A Real Academia de Farmacia de Galicia (RAFG) celebrou este luns 25 o Día Mundial do Farmacéutico cun acto no que se destacou a figura e o legado dun dos pioneiros de bioquímica en España, o farmacéutico compostelán Xosé Rodríguez Carracido. O evento, realizado en modalidade mixta (presencial e online), foi tamén un foro de encontro do sector, no que se puxo en valor as contribucións dos farmacéuticos ao fortalecemento sistema sanitario, destacando o labor que desenvolven en todos os ámbitos de actuación.

Estímase que en Galicia hai máis de 10.000 farmacéuticos, dos que a metade traballan en oficinas de farmacia e o resto desenvolven o seu labor noutras facetas da profesión, tales como a farmacia comunitaria, farmacias hospitalarias, centros de investigación, análises clínicas, a saúde pública, a industria e a distribución farmacéutica, a óptica e acústica, a alimentación, a dermofarmacia, a ortopedia ou a docencia; todos e cada un traballan por e para o paciente.

Rodríguez Carracido

O acto contou coa participación dos doutores Francisco Díaz-Ferros Viqueira e Antonio Isacio González Bo, quen fixeron un percorrido pola traxectoria do farmacéutico compostelán, resaltando as súas contribucións no ámbito da ciencia.  No evento, celebrado na sede da Real Academia en Santiago de Compostela, estiveron tamén presentes o reitor da USC, Antonio López; a subdirectora xeral de Farmacia do Servizo Galego de Saúde, Silvia Reboredo García; o vicepresidente do @Consello da Cultura Galega, Xosé-Manoel Núñez Seixas; o presidente da RAFG, Anxo Concheiro, así como representantes dos colexios de farmacéuticos de Galicia e do sector.  Todos eles destacaron as contribucións dos farmacéuticos á hora de incrementar a capacidade do sistema sanitario.

O vídeo completo do evento pode verse na seguinte ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=ObGULhDHYg4

 

Previous articleEntrevista ao presidente da RAFG, Ángel Concheiro: “A farmacia é un centro sanitario moi accesible e o máis cercano”
Next article31 de outubro- Acto de ingreso do Dr. XOSÉ R. BUSTELO como Académico Correspondiente