14 de marzo de 2018
A Academia de Farmacia de Galicia celebrou o mércores día 14 de marzo ás 19 horas, na súa sede do Antigo Hospital de San Roque de Santiago de Compostela o ingreso como Académica Correspondente da Profesora Dra. María Teresa Miras Portugal, Catedrática de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade Complutense de Madrid. No transcurso do acto protocolario pronunciou o discurso de ingreso titulado “SEÑALIZACIÓN POR NUCLEÓTIDOS: NEUROGÉNESIS, NEUROPROTECCIÓN Y REPARACIÓN DEL SISTEMA NERVIOSO”. O discurso de presentación correu a cargo da Académica de Número Profesora Dra. María José Alonso Fernández.
Acto académico de Toma de Posesión da Dra. María Teresa Miras Portugal como Académica Correspondente na Academia de Farmacia de Galicia
Prensa
https://www.actasanitaria.com/miras-portugal-ingresa-galicia/
RESUMO DO DISCURSO DE INGRESO
SEÑALIZACIÓN POR NUCLEÓTIDOS: NEUROGÉNESIS, NEUROPROTECCIÓN Y REPARACIÓN DEL SISTEMA NERVIOSO
Os nucleótidos son moléculas esenciais para o bo funcionamento das células vivas, ao participar en numerosos procesos fisiolóxicos intracelulares. Máis recentemente descubriuse o importantísimo papel que os nucleótidos desempeñan tamén a nivel extracelular en procesos de sinalización, comportándose no tecido nervioso como neurotransmisores clásicos.
A transmisión mediada por nucleótidos descubriuse a finais dos anos 60 e principios dos 70 do século pasado mediante estudos de estimulación eléctrica en nervios periféricos. Os devanditos estudos propuxeron a existencia de nervios non- adrenérxicos e non- colinérxicos, nos que o nucleótido máis coñecido, o ATP, actuaba como neurotransmisor. Posteriormente descubriuse que certos sistemas vesiculares que almacenan e transportan nucleótidos atópanse presentes nas primeiras fases de desenvolvemento do cerebro embrionario, así como no fetal e no cerebro adulto, o que subliña a relevancia fisiolóxica dos nucleótidos no tecido nervioso.
Os gránulos que almacenan o ATP e outros nucleótidos tamén conteñen neurotransmisores clásicos, como acetilcolina, catecolaminas, serotonina, etc, o que permite a súa liberación conxunta a través dun mecanismo de co-transmisión que cuestionou a teoría de que cada célula nerviosa produce, almacena e libera un único tipo de transmisor. Así, os nucleótidos actúan sobre receptores de membrana específicos implicados nun gran número de procesos fisiolóxicos e patolóxicos. No cerebro en desenvolvemento ten especial relevancia o receptor P2X7, cuxo papel en procesos de dexeneración ou lesión do sistema nervioso foi posto de manifesto en estudos de epilepsia experimental.
Actualmente sabemos que os nucleótidos desempeñan un papel crave na neurotransmisión e neuromodulación en diferentes áreas do cerebro e a médula espinal. Ademáis de exercer un papel relevante a curto prazo, os nucleótidos poden mediar tamén a longo prazo nas células neurales procesos como a diferenciación, crecemento de neuritas, supervivencia ou morte celular. Certos mecanismos de transmisión mediados por nucleótidos e os seus receptores específicos tamén están implicados en diversas patoloxías, incluíndo o trauma cerebral e a isquemia, enfermidades neurodexenerativas como a enfermidade de Alzheimer, así como en desordes neuropsiquiátricos, como a depresión e a esquizofrenia.
RESUMO DO CURRÍCULO VITAE
María Teresa Miras Portugal é Catedrática do Departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular IV da Universidade Complutense de Madrid desde 1986. Foi ademáis Directora do devandito Departamento. É licenciada e doutora en Farmacia pola Universidade Complutense. Doutora pola Universidade de Estrasburgo, obtén un segundo doutorado en 1975 pola Universidade Complutense. É autora de máis de 380 publicacións que recibiron máis de 8.800 citas. É así mesmo autora de tres patentes na área de biomedicina para o tratamento de enfermidades neurodexenerativas e epilepsias refractarias. Dirixiu 24 Teses Doutorais e foi investigadora principal de máis de 40 proxectos, nacionais e internacionais, especializándose no estudo da función neurotransmisora dos nucleótidos, así como os seus transportadores, receptores e sistemas encimáticos de degradación.
É membro e ocupou postos de responsabilidade en numerosas sociedades científicas internacionais e nacionais, en comités de organización e científicos de congresos nacionais e internacionais, así como en comités editoriais de relevantes revistas científicas como o Journal of Neurochemistry, entre outras. Foi conferenciante convidada en centros de investigación e universidades europeas, americanas e asiáticas, así como en conferencias plenarias e simposios en congresos nacionais e internacionais. Foi membro do Panel Científico da OTAN (2000-2004) e do comité Científico Asesor do Club de Roma desde 2005. Así mesmo, foi Presidenta do Comité Ministerial para a reforma e mellora da calidade e eficiencia do sistema universitario español no bienio 2012-2013.
É Académica de número da Real Academia de Farmacia de España, da que foi Presidenta, así como da Real Academia de Veterinaria e Académica Correspondente da Real Academia de Farmacia de Cataluña. É membro de diversas Academias internacionais, destacando a Academia de Ciencias da URSS, a Academia Nacional de Farmacia de Francia e a Academia Europea, entre outras. Doutora Honoris Causa pola Universidade Rey Juan Carlos de Madrid e pola Universidade Católica de Murcia UCAM, foi así mesmo Xurado do Premio Rey Jaime I e do Príncipe de Asturias en varias edicións. Recibiu diversos premios, entre outros: a Medalla Alberto Sols de investigación en Bioquímica, o Premio de Investigación Científica da Comunidade de Galicia “María Josefa Wonenburger” e o Premio de Investigación Científica da Comunidad de Madrid. Recibiu así mesmo en 2016 a Medalla Castelao, máxima distinción de Galicia na área creativa e científica.