A Real Academia de Farmacia de Galicia inaugurou o seu curso académico onte na tradicional cerimonia de apertura celebrada no Antigo Hospital de San Roque de Compostela. Durante o evento, fíxose entrega ademais dos Premios da Academia, outorgados á investigación nova, ao mellor expediente académico e a labor científico, sanitaria ou cultura que contribúa a consolidación social do ámbito farmacéutico en Galicia. Presidido polo presidente da institución, o Prof. Dr. Anxo Concheiro, o acto reuniu a un centenar de representantes do sector e contou coa presenza, entre outros, do secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fontes; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou; ou a decana da facultade de Farmacia, Mª dos Reyes Lagoa.
Efectividade das mutacións mitocondriais en antibióticos
No discurso de apertura, o Académico de Número o Prof. Dr. Tomás González Vila da USC estableceu a relación entre mutacións en humanos e antibióticos baixo o título “Mutacións humanas, principalmente mitocondriais, e os seus efectos sobre a actividade dos antibióticos”. Na exposición revisouse a herdanza extra-nuclear, especialmente a mitocondrial, de gran importancia no mundo dos antibióticos que teñen como diana a mitocondria, debido á súa similitude coas bacterias. Abordouse ademais como moitas das mutacións puntuais coñecidas actualmente na mitocondria humana están relacionadas coa efectividade de certos antibióticos e, ao contrario, como os efectos de certas mutacións en humanos poden ser corrixidos en parte pola acción de certos antibióticos.
Premio á intelixencia artificial ou á farmacia máis antiga de Galicia
No transcurso do acto fíxose entrega dos Premios da Real Academia de Farmacia de Galicia correspondentes ao pasado ano 2022, que recoñecen o traballo dos investigadores máis novos; o académico ao mellor expediente de Grao; e o labor sanitario, científica ou cultural que poña en valor a consideración social da farmacia galega.
O IX Premio Julián Francisco Suárez Freire para mozos investigadores, patrocinado polas cooperativas farmacéuticas BIDAFARMA e COFANO, correspondeu a Lorena García do Río polo traballo “SublingualBoostingwith a Novel Mucoadhesive Thermogelling Hydrogel Following Parenteral CAF01 Primingas a Strategy against Chlamydia trachomatis”, publicado na prestixiosa revista Advanced Healthcare Materials. Esta investigación abre o camiño ao deseño mediante intelixencia artificial de sistemas máis eficientes de administración de vacinas a través da mucosa sublingual. O premio está dirixido a investigadores menores de 35 anos que publicasen durante o ano 2022 un traballo orixinal realizado total ou parcialmente nunha institución galega sobre un tema relacionado co medicamento desde as súas fases temperás de I+D até a súa comercialización, e ten unha dotación económica de 3000 €.
Ademais, concedeuse un ACCESIT DE EXCELENCIA á investigadora predoctoral Ana Igrexas Mejuto polo traballo titulado “3D-Printed, Dual Crosslinked and Sterile Aerogel Scaffolds for Bone Tissue Engineering. Este estudo permitiu o desenvolvemento de implantes óseos estériles, reforzados e adaptados ás necesidades do paciente, mediante a combinación da impresión 3D e a tecnoloxía de fluídos supercríticos.
O Premio Antonio Casares Rodríguez 2022, patrocinado polos Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia ao Mellor expediente académico do Grao en Farmacia que finalizou os estudos no ano 2022 na Universidade de Santiago de Compostela foi outorgado á graduada en Farmacia Sandra Caíña López.
Por último, o III Premio Perfecto Feijóo, de recoñecemento de iniciativas e actividades científicas, sanitarias e culturais que contribuísen a destacar a imaxe e a consideración social da farmacia correspondeu á FARMACIA COUCEIRO de Betanzos, polo seu labor de atención farmacéutica á poboación galega durante máis de tres séculos e por representar un dos mellores expoñentes da contribución da profesión farmacéutica non só a nivel sanitario senón tamén como eixo vertebrador da cultura e sociedade galega.