- No seu discurso de ingreso chamou a atención sobre a importancia de facer ciencia na fronteira do coñecemento, crear atmosferas de traballo adecuadas e harmonizar ciencia, cultura e sociedade
- Destacou o rol dos químicos como “artistas”, xogando con átomos e elementos da táboa periódica para compor obras de arte moleculares, moitas delas de gran utilidade
- Falou da conexión da química e a biomedicina, mostrando como un traballo de investigación básica do seu grupo, sobre a interacción de complexos de rutenio con ADN, chegou a unha fase preclínica
Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2023.-A Real Academia de Farmacia de Galicia (RAFG) suma un novo académico de número á súa lista de insignes investigadores. Trátase do director do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC, o catedrático José Luís Mascareñas Cid, que ingresou na corporación co discurso titulado “Moléculas, metais e medicamento: entre ou fermoso e ou útil”, contestado o Dr. Franco Fernández González. O Dr. Mascareñas, natural de Allariz, resaltou na súa exposición a necesidade de fomentar a investigación de risco dirixida a xerar coñecemento rompedor, pois é nese coñecemento onde se poderán atopar as solucións a problemas que aínda non coñecemos. Ademais, destacou o poder da química como ciencia artística e creadora e a importancia de combinar ciencia e cultura para o progreso social.
Mentores
Máis aló dos descubrimentos e avances científicos do grupo que coordina no CiQUS, José Luís Mascareñas destacou “a relevancia que ten o noso labor como mentores e a importancia de xerar atmosferas de traballo adecuadas para facer ciencia de nivel con paixón e dedicación, algo que tentei facer no grupo e que creo que conseguimos tamén no Centro da USC”. O novo académico numerario da RAFG quixo ilustrar que o verdadeiramente importante na investigación non é que sexa básica ou aplicada, senón que sexa de calidade e que xere coñecemento. “É fundamental protexer aquela investigación baseada na curiosidade e que non busca unha utilidade inmediata”, asegurou. Tamén quixo facer unha chamada sobre o “papel integrador que debe ter calquera academia científica cunha perspectiva ampla que tenda pontes entre ciencia, cultura e sociedade. A dicotomía sobre se o coñecemento provén das ciencias ou as letras é absurda”, comentou. Artistas das moléculas A parte técnica do discurso do Prof. Mascareñas Cid centrouse en demostrar que “ademais de científicos, os químicos tamén somos artistas. Xogando con átomos e cos elementos da táboa periódica, podemos compor nosas propias obras de arte: moléculas de maior ou menor complexidade, que destacan non só pola súa beleza, senón porque poden ter unha enorme utilidade. Este é o caso, por exemplo, de moitas biomoléculas como o ADN, que combinan estruturas tridimensionales esteticamente atractivas con propiedades biolóxicas asombrosas”.
Química e bioloxía
José Luís Mascareñas Cid proseguiu o seu discurso falando sobre os elementos que están na parte central da táboa periódica, denominados metais de transición, como o ouro, o platino, o paladio etc. e describiu a enorme relevancia que estes metais, en especial os complexos metálicos que forman cando se unen a outras moléculas de tipo orgánico, poden chegar a ter. “De feito, estes complexos metálicos poden xogar un papel esencial en bioloxía, por exemplo, no transporte de osíxeno, ou poden usarse como catalizadores, sustancias que aceleran as reaccións químicas e que teñen un numero inmenso de aplicacións de gran transcendencia social, por exemplo, na preparación de fármacos”, explicou. Nesta liña, destacou a contribución do grupo que dirixe no CiQUS da USC na creación dun novo campo científico na fronteira entre a catálisis e a bioloxía celular. “En concreto o noso equipo demostrou que é posible usar catalizadores non naturais baseados en metais de transición dentro de células vivas, co que creamos novas oportunidades para manipular e interrogar a bioloxía”.
Táboa periódica contra o cancro
Finalmente, o Prof. Mascareñas Cid describiu como uns resultados do seu grupo publicados hai varios anos sobre a interacción duns complexos de rutenio co ADN xeraron unha liña de traballo sorprendente e prometedora na loita contra o cancro. “Realizados simplemente co afán de saber máis e ampliar o coñecemento, estes estudos convertéronse cos anos, e grazas a unha colaboración co biólogo do CSIC Bruno Sainz, nun posible fármaco que nestes momentos está nunha fase de ensaio preclínico para o tratamento de cancro de páncreas e de colon”, concluíu na súa intervención.